Os temporais do inverno afectaron gravemente á praia de Rande que quedou practicamente sen area. A primeira opción da Concellería de Medio Ambiente para solucionar esta situación pasaba por desprazar a area da zona de baño cara arriba tal e como así recomendaban os técnicos. Unha opción que finalmente foi descartada ao comunicárselle dende a confraría que nesa zona se realizan labores de extracción de navalla. Finalmente a rexeneración da praia farase coa achega de 112 toneladas de area natural.
Explica o edil responsable deste departamento Miguel Ángel Álvarez Ballesteros que os temporais do pasado inverno provocaron que “a area aportada hai dous veráns a esta zona do litoral se desprazara para a zona intermareal”. Para subsanar esta situación e tal e como recomendaban os técnicos a primeira opción “por ser a máis económica e a que semellaba máis sostible medioambientalmente pasaba por redistirbuir a area da zona intermareal ás zonas máis altas”. Unha opción que, malia contar cos permisos pertinentes de Costas, foi finalmente descartada ao alertar a Confraría de pescadores que nesa zona estase a traballar na extracción de navalla e que unha acción destas características podería ter consecuencias negativas no marisqueo”. A alternativa final pasa pola achega de areal procedente da sedimentación dos ríos que será depositada nos vindeiros días nesta praia, mellorando así considerablemente esta zona de baño.