Este domingo día 7, medio milleiro de veciños participan na XXVI Festa da Amizade de Cedeira. Unha cita anual na que as familias gozan dunha xornada de convivencia na Poza da Lagoa cun xantar, xogos e actuacións musicais.
Vicente Lamas, da directiva da Asociación Cultural e Recreativa de Cedeira, explica que a festa foi medrando ao longo dos anos, o que obrigou aos organizadores a cambiala de ubicación para poder acoller a todos os participantes. Da celebración no Centro Cultural de Cedeira, pasaron a trasladarse en autobuses aos Prados e as Hermidas. Actualmente a Festa da Amizade celébrase no monte de Cedeira, en Chan das Lagoas. As actividades comezarán ás 11.00 horas con grupos de música popular e a degustación de polbo. A continuación terán lugar os actos relixiosos, para dar paso ao xantar, que comezará ás 14.00 horas. O menú consistirá en empada, churrasco e criollos con cachelos. De sobremesa roscón, e non faltarán o café e os licores. Xa pola tarde, desde as 16.30 horas, realizarnse xogos populares nos que poden participar grandes e pequenos. A nota musical correrá a cargo da orquestra Amigos do Ritmo, ata o remate da xornada, sobre as 21.00 horas. Un día completo de actividades e convivencia que os veciños aproveitan para compartir tempo con familiares e amigos. Os asistentes non son só veciños de Cedeira, xa que son moitos os que aproveitan para convidar a coñecidos e achegados tanto doutros puntos de Redondela como de fóra do municipio. O menú é de balde para os socios, e ten un prezo de 13 euros para os que non o sexan. A día de hoxe xa está pechada a inscrición ao chegar aos 500 participantes, número máximo establecido pola organización.