O Concello de Soutomaior finalizou as obras de acondicionamento en diversos camiños do municipio. A mellora comprende a reparación e asfaltado en dúas actuacións principais nos barrios de Alxán e Comboa ademais de diversas actuacións en materia de seguridade viaria en distintos puntos do Concello.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, salientou que se trata de melloras necesarias no municipio, xa que se trata de camiños “moi transitados” e supoñen unha prioridade en canto a seguridade viaria. Por último, en tres das rúas que forman parte do Camiño Portugués de Santiago: Veleiro, Barroncas e Lameiriñas, modernizáronse as medidas para o control de velocidade de vehículos retirando os lombos anteriores para instalar uns de goma, máis respectuosos cos vehículos e con menor impacto acústico para os veciños.