O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, reuniuse onte na Casa do Concello co Presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, para tratar diversos aspectos relativos ao porto de Arcade. Entre outras cuestións, o presidente do ente público portuario comprometeuse a levar a cabo unha mellora nos pantaláns deportivos consistente na colocación de 35 novos brazos de amarre.
Durante a reunión, habitual entre o ente público e os concellos costeiros, abordáronse temas como o mantemento das instalacións portuarias, a seguridade, a limpeza, a funcionalidade dos puntos de embarque ou as necesidades das confrarías e o sector pesqueiro e marisqueiro. Quedando para o final a solicitude dunha actuación nos pantaláns transmitida polo alcalde, que definiu a actualización dos mesmos como “unha necesidade en materia de seguridade para todos os usuarios do porto deportivo”. A mellora é consecuencia da solicitude dos administradores do club náutico local e levará un aumento considerable da seguridade e a comodidade dos navegantes. En total instalaranse 35 novos brazos de amarre repartidos entre os dous pantaláns de atracada para embarcacións deportivas. Naves que actualmente amarran de popa con cabos aos trens de fondeo colocados sobre o leito mariño. Un sistema que, debido ao escaso calado e as reducidas dimensións da dársena, “non ofrece un bo servizo”, afirmou o presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán. Os brazos de amarre terán unha lonxitude de 4 metros sobre un flotador tipo aboia e contarán con cornamusas para o correcto amarre das embarcacións. A mellora suporá un investimento próximo aos 30.000 euros que será asumida na súa totalidade por Portos de Galicia.