Redondela vaise transformar a próxima semana no escenario dun gran cabaré. Desde o luns día 22 e ata o domingo 28 sucederanse no Auditorio da Xunqueira, nas rúas e prazas, e ata na praia de Cesantes os espectáculos de cabaré, burlesque e swing. Todo no décimo aniversario do Festival Galego de Cabaré, unha proposta única na península que inclúe tamén un campus que se desenvolverá na vila.
A Concellería de Cultura de Redondela, en co-produción coa compañía Nelson Quinteiro Cabaret son os responsables do evento, que en anteriores edicións se celebrou en Oleiros ou Coruña. Nesta ocasión co hastag #cabaretburlesqueswingfestival2016 e o slogan “Mergúllate nas calores do verán” ofrecerá durante a última semana de agosto unha programación en torno ao cabaré, o burlesque ou o swing. Un programa variado con espectáculos para o público adulto, pero tamén con ofertas para o público infantil. Nelson Quinteiro sinala que o cabaré é un xénero que agora está “nun gran momento” e que se reinventa con novos formatos para achegarse cada máis a máis público. Espectáculos no Auditorio No Auditorio da Xunqueira ofrecen tres espectáculos, en horario nocturno, só para adultos, a partir das 22:00 horas e cunha entrada única de 5 €. O primeiro, o luns día 22 é “Marinita y sus maromas”, un espectáculo de transformismo con altas doses de elegancia e glamour a cargo das actrices Andrea Paz e Susi Ons ás que acompaña a diva “Marinita Calleja”, interpretada por Eduardo Domínguez. O martes día 23 é quenda da obra “Mancasme Man. O home que mancaba ás mulleres”, un espectáculo de poesía cabaré, cun contido fondo, de alegato ao feminismo, interpretado pola actriz Iria Acevedo á que acompaña o pianista Miguel Granero. E o mércores día 24 chega o “Burlesque Night Show”, unha proposta da Compañía Nelson Quinteiro Cabaret para deixarase seducir pola banda “máis perversa do xénero”, convidando ao espectador a converterse nun “mirón” de diferentes propostas escénicas nas que percorren as paixóns máis baixas do xénero humano. Espectáculos na rúa O xoves, día 25, o Festival Galego de Cabaré tomará as rúas. A primeira parada será na praia de Cesantes, ás 17:00 horas. Un nutrido grupo de actores e actrices tomarán a area da Praia de Cesantes como escenario para as súas coreografías, animación e interacción cos bañistas. Un espectáculo que vén curtido do verán, despois de pasar por escenarios como o Portamérica 2016, Rilla na Rúa Nigrán Foodtrucks, Rilla na Rúa Miño Foodtrucks ou a Semana de Cine de Vilagarcía. A partires das 21.00 horas as actividades trasládanse á Praza de Figueroa coa “The MP3 Experience”. Un evento aberto á participación do público, convocado por internet. O único requisito é dispoñer dun reprodutor de MP3 con auriculares, e achegarse ao punto de encontro. Os participantes deben sincronizar reloxos e a liberarase un arquivo de audio no que se lle darán instrucións. Logo só deben “deixarse levar”. Pequeno cabaré infantil O venres, día 26, cita para os máis pequenos. Un orixinal espectáculo que consiste na instalación dun teatro ao modo dunha barraca de feira ou de circo antiga e no que Nelson Quinteiro e a súa pulga Jacinta Florette farán as delicias dos máis pequenos. Contos populares como Rapunzel (a moza que non se quería depilar), Os tres porquiños bravos ou O flautista de Hamelín transformaranse nunha versión “moito máis cómica e cabareteira”. Ás 20.30 horas na Praza da Constitución. Clausura co Soho Cabaré O festival péchase o domingo, 28 de agosto, cun Soho Cabaré como gran feche a unha semana de actividades. O obxectivo é converter a Praza da Torre nun auténtico cabaré berlinés, para o que animan ao público a acudir caracterizados ao estilo “cabaré”. Haberá unha zona de espectáculos, pista de baile, zona café-cantante, zona de mercado, restauración con cociña de autor e tamén bochinche e zona de barra. Todo estará amenizado por unha master class de Lindy Hop coa exhibición do grupo Swing on Vigo, un taller aberto de Hula Hop e Hula Dance a cargo da artista Alba Troiteiro, e a Gran Gala de Cabaré Berlinés atemporal a cargo dos integrantes da Compañía Nelson Quinteiro Cabaret, que encherá toda a praza de actividades, sorteos e premios para as mellores caracterizacións. O peche da festa correrá a cargo do Dilleis Petard Pop, que porán o ritmo coa música “máis petarda”.