O Miradoiro do Monte Outeiro Grande acolle este sábado unha nova edición desta cita festiva e cultural, con actividades ao longo de todo o día. Arranca co desfile dos “Meighachimpíns” pola mañá, logo o xantar popular, obradoiros e xogos para os máis pequenos. As actuacións correrán a cargo de Peter Punk, Ce Orquestra Pantasma, Os Ghordechos, Cantata Vernácula, Airiños da Freba, Carapaus e Os Carunchos.
Un ano máis o Colectivo Lúa Meiga, xunto á Sociedade Cultural do Viso, organiza o festival Noite da Lúa Meiga, que celebra a súa 15ª edición. Será nun enclave “único”, o Miradoiro do Monte Outeiro Grande, dende onde se divisa unha panorámica de toda ría de Vigo. Este sábado 27 programan unha xornada completa de actividades para todo tipo de públicos e idades. Ás 10:30h da mañá realizarase a concentración de chimpíns decorados no Torreiro da Gándara xunto ao campo de fútbol, para comeazar o roteiro de Meighachimpíns ata o Miradoiro. A continuación haberá un xantar popular, que contará con postos de polbo e outros produtos da gastronomía galega. Xa pola tarde poderase participar de diversos xogos tradicionais e a programación dirixida aos máis cativos, coa participación do pallaso e humorista Peter Punk e Ce Orquestra Pantasma. A partires das 20.00 horas comezarán os concertos coas regueifas dos Ghordechos, Cantata Vernácula, Airiños da Freba, Carapaus e Os Carunchos. Desde a organización agradecen a colaboración de todos os establecementos que colaboran para poder sacar adiante o festival, dos veciños, da Comunidade de Montes do Viso, o Concello de Redondela e a Deputación de Pontevedra.