A parroquia de Amoedo acolle hoxe unha nova edición da súa Xeira Arqueolóxica. O evento, organizado por veciños da parroquia, comezará ás 20:30 horas na Casa Cultural de Amoedo e estará guiado polo arqueólogo Xosé Lois Vilar, que centrará a visita nas mostras de arte rupestre e nos restos de túmulos funerarios que abundan nesta parroquia.
Jorge Álvarez, un dos organizadores, sinala que o obxectivo é dar a coñecer aos veciños o valor de todo o que teñen “á beira das súas casas”. Para iso, o evento constará de dúas partes. Unha primeira dunha hora de duración e que incluirá unha charla sobre os restos rupestres do municipio, e unha segunda de dúas horas que percorrerá unha parte da Senda Arqueolóxica de Amoedo, incidindo de maneira especial nos petroglifos e nas mámoas, como exemplo representativo da sociedade rupestre. Esta ruta nocturna vénse celebrando desde o ano 2012 coa única excepción do ano pasado, no que as condicións climatolóxicas impediron o seu desenvolvemento. En 2014 realizouse o percorrido da zona sur da senda, este ano realizarase a zona norte. Os organizadores recomendan aos interesados acudir con lanternas, roupa de abrigo e calzado adecuado para camiñar polo monte. A xeira arqueolóxica de Amoedo ten unha lonxitude total de 13,3 km e unha dificultade media para sendeiristas.