As aulas Cemit de Redondela e Chapela teñen aberta a matrícula para os cursos de informática que organiza o departamento de Novas Tecnoloxías do Concello. As actividades comezan o 5 de setembro e prolóngase ata decembro con clases de iniciación, comercio electrónico, tratamento de textos, redes sociais ou deseño de páxinas web, entre outros.
O Concello oferta unha vintena de cursos, totalmente gratuítos, dirixidos a persoas maiores de 16 anos. Segundo explica a responsable do departamento, Olalla Casanova, hai tres grandes bloques formativos: cursos de iniciación á informática cun nivel básico; outros dirixidos a colectivos como asociacións, ONG´s ou empresarios, e un último enfocado á busca activa de emprego a través de internet. Son actividades moi demandadas que a día de hoxe resultan imprescindibles, tanto para a vida laboral como persoal. As novas tecnoloxías aplícanse a todos os ámbito, desde o traballo ata as comunicacións persoais, pasando polo comercio, polo que estes cursos son de gran utilidade. Os cursos impartiranse na aula Cemit de Redondela, no Paseo do Pexegueiro, 6; e na de Chapela, na rúa Manuel Rodríguez Casal, 3. Ademais o departamento de Novas Tecnoloxías ofrece nas súas aulas Cemit uns horarios para libre disposición dos usuarios, que denominan “Aulas Abertas”. Neste caso os veciños poden facer uso dos equipos informáticos para realizar libremente as actividades que precisen, e contarán cun monitor para resolver calquera dúbida. A información sobre os horarios e todos os cursos dispoñibles poden consultala na páxina web do Concello de Redondela, www.redondela.es, no teléfono 986400366, no enderezo electrónico informatica@redondela.es ou no Departamento de Novas Tecnoloxías, no Multiusos da Xunqueira. A solicitude de matrícula pode facerse nos Rexistros Municipais de Redondela e Chapela ata dous días antes de comezar cada curso, e as prazas serán concedidas por orde de inscrición.