Non tiveron o seu día os de Marcos Montes, errados de cara a portería, con lesións, e incapaces mesmo de igualar o marcador cando xogaron os últimos 20 minutos con superioridade numérica logo de dúas expulsións de xogadores visitantes.
Terceira División
Choco 0-1 Vilalonga
Os de Redondela seguen sen acertar na casa. Malia que a primeira metade foi de dominio absoluto da formación local, os redondeláns non conseguiron adiantarse no marcador e mandaron dous balóns ao pau. O primeiro nun remate de cabeza de Gabi Misa, que tocou Parada, e o segundo nun remate de Óscar Pérez. Despois do descanso non houbo cambios. O Vilalonga seguía co seu xogo, á defensiva, co obxectivo de saír ao contragolpe. A ocasión chegoulle cando Hurtado recolleu un balón entre os centrais, encarou a Cortegoso e superouno. O gol complicou o partido ao Choco, que minutos antes quedara sen o dianteiro Óscar Pérez por lesión. No minuto 70 produciuse unha dura entrada de Martín, do Vilalonga. O árbitro mostrou vermella directa e formouse un balbordo con protestas dos visitantes. A consecuencia inmediata foi a segunda amoestación a Bisti. O Vilalonga quedou con nove xogadores a falta de vinte minutos. O futbolista encarouse coa afección local e o colexiado detivo o xogo uns dez minutos. Na continuación, o Choco buscou o empate chegando polas bandas con centros á área, pero non foi quen de superar a defensa do Vilalonga. Outro revés para os redondeláns, que aínda non se estreou na casa. E de cara á próxima xornada terá un complicado desprazamento. Xogan en Bouzas ante o Rápido e tan só contan cun dianteiro, Ricar, de 19 anos.