Os traballos consistirán na demolición e escavación do parque actual para a nivelación do terreo no peirao de Arcade e a colocación dun pavimento de caucho continuo, dun grosor medio de catro centímetros sobre o que se montarán todos os elementos do parque, incluída a nova tirolina. Cpn esta reforma preténdese evitar que o parque se encharque coa chuvia e permitir o uso do parque todo o ano.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, reuniuse coa secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romeu, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Alberto Fontes, para analizar o proxecto de reforma e mellora do parque infantil do peirao de Arcade. Os representantes autonómicos achegáronse ao Concello para supervisar o proxecto e levar a cabo o exame previo á adxudicación da obra, que corresponde ao goberno local e que conta cun orzamento de 60.000 euros que serán financiados pola Consellería de Medio Ambiente.
Reguera amosouse moi satisfeito con esta mellora que permitirá que os nenos xoguen durante todo o ano. O chan de area é moi cómodo no verán, pero no inverno, coa choiva, enchárcase e deixa toda a zona impracticable motivo polo que se decidiu mellorar o parque coa colocación dun pavimento de caucho.
Esta actuación está enmarcada no Plan Hurbe, posto en marche en 2010 polo Goberno galego e ten un triplo obxectivo, fomentar a humanización das pequenas localidades favorecer a cooperación entre a administración autonómica e os concellos, e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para iso, o Plan Hurbe centra as súas actividades na humanización das rúas e a urbanización e mellora dos espazos e equipamentos públicos, en especial os de interese ou carácter cultural e social.