A primeira das proxeccións terá lugar este venres ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira. Será a película “Aillados” na que se recolle a historia do campo de concentración da Illa de San Simón durante os anos da Guerra Civil española (1936/39), contada polos seus protagonistas entre os que atopamos ao redondelán xa falecido Manolo Barros. Con este ciclo, que inclúe proxeccións ata mediados de novembro, Alén Nós quere recuperar a memoria visual e histórica de Galicia.
A proposta de Alén Nós arranca este venres coa primeira das proxeccións “Aillados”, película á que lle seguirán cinco máis que afondan na memoria visual e histórica tanto de Galicia como do resto do estado con títulos como “A Memoria nos tempos do volfram” (23 de setembro), “Arde Madrid” (7 de outubro), “A vila que tiña mar, mister guapenning e o ouro negro” (21 de outubro), “A derrota do cabo Razo” (4 de novembro) ou “A Volta dos nove”(18 de novembro). Con esta iniciativa, un proxecto audiovisual da asociación cultural O Faiado da memoria incluído no plan cultural da Deputación, a asociación redondelá quere presentar unha mostra de diversos traballos que discorren entre Galicia e Madrid. Tres deles, A volta dos nove, Aillados e A memoria nos tempos do volfran, forman parte da triloxia galega: unha triloxia de historias dirixidas por Antonio Caeiro, que discorren desde o comezo da IIª República ata 1953.