O grupo Folclórico Anaquiños chega ao seu 45 aniversario “con moi boa saúde, malia padecer os problemas económicos que afectan a tantos colectivos” segundo confesa a súa presidenta Estrella Iglesias. Este sábado celebran o seu Festival Folclórico no Multiúsos do Piñeiral e manteñen aberto o prazo de inscrición en todas as súas actividades: baile, percusión, gaita ou pandeireta, entre outras.
O Multiúsos de Chapela acolle o sábado 24 ás 19:30 horas o festival folclórico internacional Anaquiños con actuación do grupo de Danzas La Tajuela (Salamanca), Lembranzas do Tambre (Sigüeiro-Santiago) e o Grupo Folclórico Anaquiños (Chapela). Un programa que tiveron que cambiar sobre a marcha, ao causar baixa un dos grupos que inicialmente ía participar, pero que están convencidos “fará as delicias do público”. A formación conmemora este ano o seu 45 aniversario “sen ningún tipo de celebración pero con moi boa saúde”. Así o explica a súa presidenta Estrella Iglesias quen lembra o intenso traballo que hai detrás destas asociacións para poderen sobrevivir economicamente. Aproveita ademais para reivindicar aos gaiteiros e dar un toque de atención “a esas comisións de festa que non dubida en pagar o que piden as orquestras e logo ratean á hora de contratar a un grupo de gaiteiros”. Lembra precisamente que unha das actividade que teñen en marcha é o curso de gaita, percusión e pandeireta tanto nas modalidades de iniciación e perfeccionamento e ao que se pode inscribir calquera que o desexe, do mesmo xeito que ao resto das actividades que funcionan durante todo o ano: escola de baile para nenos de 4 a 13 anos, así como o grupo senior e veteranas (maiores de 40 anos). Os itneresados en inscribirse poden informarse no Multiúsos de Chapela ou no teléfono 651 376 515.