A unión dos grupos da oposición forzou onte a aprobación da rebaixa do imposto do incremento do valor de natureza urbana (plusvalía) que suporá reducir o tipo impositivo ao 15% e bonificacións no caso de transmisión de herdanzas do 95%. A proposta foi presentada conxuntamente por PSOE, AER, BNG e a Concelleira non adscrita por entender que a actual taxa supón unha presións moi elevada para os veciños. O PP defendeu a súa abstención porque “a bonificación proposta pola oposición é unha barbaridade, que suporá unha redución de ingresos para o concello en torno aos 560.000 euros”.
A rebaixa da plusvalía chegaba ao pleno logo de que tres meses atrás unha proposta presentada polo goberno local e encamiñada tamén a reducir o imposto non lograra saír adiante ao votar en contra os grupos da oposición, quen naquel momento xa adiantaran a súa intención de presentar unha proposta alternativa. Logo de semanas de reunións, PSOE, AER, BNG e a edil do grupo non adscrito, Raquel Quintáns presentaban esta rebaixa que inclúe reducir o tipo impositivo, que pasa do 30% ao 15%, e recolle ademais unha bonificación do 95% que afectará a todo os caso de transmisión de herdanzas, dación ou melloras con independencia do valor catastral do ben a declarar. No debate Quintáns insistiu na idea do traballo conxunto da oposición “que quere que se rebaixe a plusvalía polo ben dos cidadáns”. No mesmo sentido se manifestaba o edil do BNG, Xoán Carlos González quen insistía en que a propostas defendida polos populares suporía “unha rebaixa insignificante” e acusaba ao goberno local de ter incrementado a presión impositiva dos veciños “cando no 2013 decidiron actualizar este imposto e cobralo con retroactividade”. Pola súa banda, dende AER Ricardo Figueroa cualificaba o imposto de “inxusto” e defendía a súa rebaixa “aínda que sabemos que suporá unha redución importante dos ingresos do concello”. Dende o PSOE, Mauro Álvarez criticaba a proposta do PP por “non ser lineal, nin proporcional nin xusta”, lembraba que se trata dun imposto potestativo “que moitos concellos non están a aplicar como os tamén populares Pazos de Borbén e Soutomaior” é concluía afirmando que “a proposta da oposición beneficiará a todos os cidadáns por igual”. Os populares, malia insistir en que están de acordo en aprobar unha rebaixa da taxa, cualificaron a bonificación do 95% de “barbaridade” polas consecuencias que terá para as arcas municipais “deixaranse de ingresar un 562.000 euros polo que teremos que facer un plan Económico financeiro para evitar a situación na que quedará o concello”. Criticaba ademais a oposición que a súa proposta “bonifique de igual xeito aos que herdan unha propiedade que ten un valor de 15.000 euros que a aqueles que reciben unha propiedade de un millóns de euros”. No mesmo pleno tomou posesión do seu cargo como concelleira Angela Antón, quen substitúe o que fora concelleiro de Cultura, Xabier Alonso.