Petan na porta e ao outro lado atopámonos cun comercial que chega a nosa vivenda en representación dalgunha compañía eléctrica. No caso de cambiarnos de compañía, prométenos importantes novidades na nosa factura que nos van axudar a aforrar na factura da luz ou do gas. Iso é o que lle aconteceu a Manuel Cabaleiro quen accedeu cambiarse de compañía e agora denuncia “sentirse estafado” porque lle incluíron no contrato servizos adicionais “que supuxeron un incremento no prezo final que eu non quería”.
Manuel Cabaleiro é un veciño de Redondela que, como tantos outros, recibiu un día unha visita dun comercial na súa vivenda ofrecéndolle unha rebaixa na súa factura, tanto da luz como do gas, no caso de cambiar de compañía eléctrica. Concretamente, a oferta chegaba dende Iberdrola e o compromiso que se lle ofrecía supuña entre un 5 e un 10% do consumo. Unhas condicións beneficiosas para o cliente que animaron a Cabaleiro a asinar o contrato en base ao cal comprometiase a cambiar de empresa facturadora. A sorpresa chegou co primeiro recibo. Ao analizar a factura polo miudo decatouse de que se lle estaba a cobrar por un mantemento que el non tiña intención de contratar. Unha cota de mantemento que incrementaba en case dez euros o que tiña que abonar a Iberdrola “sentinme estafado, porque ademais eu xa lle dixera a comercial que non quería ningún servizo adicional”. Comezou nese intre unha peregrinaxe de chamadas e visitas tanto á sede da compañía como a consumo para intentar eliminar ese cobro e que se eliminasen das súas facturas ese servizo de mantemento do que se pode prescindir e que custa cartos. Cabaleiro quere facer público o seu caso para evitar “que outros veciños sexan estafados como o fun eu”. Advirte das practicas “irregulares” que empregan os comerciais en connivencia coas propias compañías e aconsella ser moi cautos á hora de asinar calquera papel porque “podemos estar asinando servizos que non queremos e que nos poden saír moi caros”. Unha advertencia que nos chega nestes caso a través da experiencia persoal dun veciño pero da que tamén se fai eco a propia OCU, unha organización de Consumidores que aconsella comparar tarifas e informarse nas oficinas ou páxina web de cada compañía á hora de tomar calquera decisión.