A Concellería de deportes anima aos veciños a asistir a esta celebración a partir das 20.30 horas, no pavillón da Marisma na que se recoñecerá aos deportistas, clubs, entidades e empresas que pola súa dedicación e labor deportiva foron elixidos polo xurado para seren galardoados nesta I edición. En total doce premios que se outorgaron despois de analizar as 71 candidaturas que se presentaron.
Un dos premios máis discutidos, polo elevado nivel das candidaturas, foi o de mellor deportista masculino, que recaeu finalmente no laureado xogador de fútbol, Pablo González Couñago.
E precisamente o equipo de fútbol no que militou este xogador, o equipo de 3ª división do Choco foi elixido como o mellor equipo de Redondela, recoñecéndolle o xurado a súa traxectoria que nas últimas tempadas o levaron ás portas do ascenso e a facerse coa copa Deputación no 2015 e 2016.
A xogadora de balonmán Xeila Fervenza é recoñecida como a mellor deportista feminina, unha moza formada nas filas da SAR que actualmente forma parte do equipo da máxima categoría do balonmán feminino, o Mecalia Atlético Guardés.
Nas categorías promesa recoñécese o traballo de Antón Pérez (Redondela F.S.) Iñaki Míguez (SAR) e María Figueroa (CD Choco).
Premiase ao nadador do Racing de Chapela, Mauro Rodríguez e ao “todoterreo” Fran Somoza como mellores deportistas discapacitados.
Moi disputado tamén o premio do mellor adestrador, galardón que recae no ciclista e responsable da Escola de Ciclismo de Redondela, Marcos Serrano e no adestrador de balonmán Manuel Lovera.
Hai ademais dous recoñecementos especiais, un a Recambios Ochoa “por apoiar de xeito ininterrompido ao deporte local nas súas diferentes modalidades” e a Gene Muiños, que recollerá o premio ao mérito deportivo. Mougán destaca a súa labor como promotor e organizador do Mundialito da Xunqueira dende os seus inicios hai 34 anos de vida así como o seu compromiso continuado tanto co Choco como con outros clubs.
A Concellaría de Deportes tivo como obxectivo premiar a todos aqueles deportistas, persoas físicas, entidades e clubs do termo municipal que destaquen de maneira especial ao longo da última tempada. Tamén o de recoñecer publicamente o esforzo e a promoción dos valores deportivos, sobre todo entre os máis novos.