Veciños de Chapela e alumnos e profesores do Instituto da parroquia protagonizaron na mañá de hoxe unha protesta que provocou importantes retencións de tráfico nas inmediacións do centro educativo. Os participantes, ao redor dun cento de persoas, permaneceron durante media hora cruzando o paso de peóns. Ata o lugar achegáronse dúas patrullas da policía nacional e unha da policía local quen se mantiveron no lugar ata que os manifestantes deron por concluída a acción protesta.
Agrávanse as mobilizacións dos afectados pola ampliación da AP-9 para denunciar e demandar solucións aos problemas que sofren polas obras de ampliación. Na mañá de hoxe os cortes de tráfico prolongáronse durante máis de media hora e nesta ocasión os membros da plataforma contaron tamén co apoio da comunidade educativa do Instituto de Chapela. O ruído constante que padecen na súas aulas e que en moitos casos lles impide seguir o desenvolvemento normal das clases leváronlles tamén a rúa, a sumarse a esta protesta que consistiu en cruzar de xeito continuado o paso de peóns provocando así importantes retencións de tráfico.
Membros da plataforma anuncian que as protestas continuarán e están a espera de seren convocados oficialmente polo Concello a unha reunión que está previsto se celebre este mesmo xoves. Critican ao goberno local por entender “que se están afastando dos afectados”.