O edil popular aseguraba, en referencia aos problemas que presentan as canalizacións da auga na rúa Cruceiro, que o problema actual viría de cando se fixo a humanización da rúa “por non terse renovado as acometidas das vivendas malia tratarse de tubaxes moi antigas e en mal estado”. A oposición lémbralle que ditas obras leváronse a cabo no ano 98 “cando gobernaba o PP en Redondela”. O BNG acúsao de “salpicar para todos os lados co obxecto de agochar a súa incapacidade”.
As obras que a concesionaria da auga, Aqualia está a realizar na rúa Cruceiro co obxecto de renovar a acometida das vivendas e solucionar así os problemas no subministro que os veciños veñen padecendo dende hai meses, seguen sendo motivo de polémica.
Mentres os residentes na zona reiteran as súas queixas por non seren informados da actuación nin se lle teña dado resposta aos escrito que presentaron por rexistro, dende o BNG malia aplaudir que se realice a renovación das acometidas cualifican a xestión do goberno de “nefasta” por tardar meses en actuar ante unha situación que coñecían dende hai tempo.
Acusan ademais ao concelleiro Arturo González de “utilizar a técnica de salpicar para todos lados, para agochar a súa incapacidade” cando fala de que teñen que arranxar as cousas que outros gobernos non fixeron e lembran que “as obras de reforma en Loureiro e Cruceiro leváronse a cabo no ano 98 sen abordar unha renovación integral de canalizacións e conducións e naquel momento gobernaba o Partido Popular”.
Por último o edil do BNG Xoán Carlos González afirma que “hai camiños como o de Carballal, en Quintela, que hai poucos meses que se asfaltou, e xa está levantado, porque o goberno de Javier Bas non quixo renovar o subministro de auga, e agora, racha por todos lados”.