O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera esixe ao servizo galego de saúde que se cubra esta ausencia na maior brevidade de tempo e o Sergas alega que non hai sanitarios especialistas en pediatría dispoñibles para cubrir estas incidencias. O BNG cualifica a situación de “vergoñenta” ao deixar aos veciños da localidade indefensos nunha época do ano no que as doenzas infantís como febre e gripes provocan unha alta demanda deste servizo.
O rexedor local, Agustín Reguera trasladou o seu malestar ao Sergas por non cubrir as vacacións do pediatra do centro de saúde. Dende a institución sanitaria transmitíronlle que o problema responde a que “non hai sanitarios especialistas en pediatría para cubrir estas incidencias”. Lembráronlle que os nenos poden ser atendidos polos médicos de atención primaria nos casos leves e noutros casos seren derivados. Malia a resposta o alcalde esixe “que se cubra a ausencia aínda que sexa de forma parcial na maior brevidade para evitar os desprazamentos e o custe que supón aos veciños”.
No BNG comparten tamén a demanda de que o médico de vacacións sexa substituído de xeito urxente e critican que “o PP decida non contratar substitutos malia tratarse dun momento do ano no que as doenzas infantís provocan unha alta demanda do servizo”.