O equipo redondelán mantense no máis alto da División de Honra Prata logo do empate no encontro disputado onte. O Rodosa Chapela perdeu en terras asturianas. Na Primeira Nacional Masculina os de Fran Teixiera gañaron ao Bueu e a SAR perdeu en Pontevedra co Teucro.
División de Honra Prata Feminina
Rodavigo SAR 21-21 Carballal
Era o partido da xornada no grupo A de a División de Honra Prata e viuse un xogo acorde ás expectativas, para ao final terminar nun empate (21-21) que pemite á SAR Rodavigo seguir como líder invicto e descende ao Carballal da segunda á cuarta praza ligueira. O duelo non se decidiu até os últimos segundos. Na primeira parte a SAR demostrou as razóns que o teñen no máis alto da táboa, e controlou o marcador desde o arranqu. No minuto 26 chegou a ter unha máxima renda de oito goles (13-5). Pero aí empezou a remontada do Carballar e ao descanso a vantaxe era menor (13-8). Ás locais custáballes cada vez máis facer goles e as visitantes ían recortando distancias aos poucos ata que a falta de pouco máis de dez minutos chegou o empate (16-16). Entrouse entón nunha fase de intercambio de dianas ata que o Carballal logrou unha vantaxe de dous goles (19-21) a falta de menos de dous minutos e medio. Pero a SAR non se rendeu e devolveu a igualdade ao marcador a falta de 41 segundos. As de Lisardo Covelo “Chini” defenderán de novo o liderado a próxima xornada no pavillón do Palencia.
Xixón 31-23 Rodosa Chapela
O Rodosa Chapela acabou derrotado con claridade na súa visita ao Xixón. Un parcial de 5-0 nos últimos minutos da primeira parte (de 12-9 a 17-9) acabou por decantar o encontro en terras xixonesas. Na próxima xornada o equipo de Chapela recibe ao Pereda, situado na quinta praza.
Primeira Nacional Masculina
Rodosa Chapela 29-24 Bueu
A vitoria sobre os morracenses deixa aos de Fran Teixeira na 4ª praza, empatado a puntos co 3º que é o Lalín.
Teucro 36-30 SAR Plástic Omnium
Os de Carlos Rey están no ecuador da táboa logo da derrota en Pontevedra ante o Teucro, que escala posicións. A próxima xornada será a do derbi en Redondela, partido ao que os dous equipos chegan nunha situación moi diferente na táboa, con catro puntos de diferencia no casilleiro. Pero os enfrontamentos entre os dous equipos teñen demostrado que nun derbi nunca hai favoritos, e será un festa de bo balonmán para os afeccionados.