As demandas da Confraría foron escoitadas polo organismo que preside Juan José Durán e os mariñeiros poderán aparcar novamente no peirao de Cesantes. A colocación dun pivote no acceso a esa instalación provocara malestar entre os mariñeiros que se vían obrigados a se desprazar máis de 500 metros coa mercancía ao lombo dende a súa embarcación ata a lonxa. Agora disporán dun mando que lles permitirá baixar o pivote cada vez que queiran acceder en coche ao peirao. O patrón maior Clemente Bastos, amosou a súa satisfacción polo acordo.
Dende un primeiro momento Bastos demandaba unha solución a unha medida que malia afectar a todas as instalacións portuarias da comunidade, non entendía que se aplicase en Cesantes, onde as peculiaridades do seu peirao xustificaban unha excepción.
Refírese o Patrón a falta de calado deste peirao, xa que coa marea baixa os mariñeiros vense obrigados a deixar os barcos na parte máis externa do embarcadoiro. Ata o de agora deixaban os coches aparcados no peirao e cando regresaban do mar só tiñan que salvar unha pequena distancia para trasladar as capturas ao vehículo. A colocación do pivote por parte de Portos de Galicia e a prohibición de aparcar obriga aos mariñeiros a deixar o vehículo a uns 500 metros da zona de atraque, tendo que percorrer esa distancia cargados para deixar a mercancía na lonxa.
A petición da confraría que finalmente foi atendida pasa por permitir o acceso de vehículo aos mariñeiros, que poderán salvar o pivote coa axuda dun mando que se entregará a cada un deles.