Os socialistas presentarán unha moción ao pleno do concello demandando actuacións encamiñadas a preservar o cemiterio municipal dos Eidos polo seu elevado valor histórico e artístico. Denuncian que na actualidade o camposanto presenta un estado ruinoso debido “ao abandono do espazo por parte do goberno municipal”. Entre outras medidas demandan que se arranxen os muros e se tapen as tumbas baleiras, tamén que se reparen as tallas en mal estado e se instalen elementos informativos que dean a coñecer a súa historia.
O cemiterio municipal dos Eidos data de 1833, ten 183 anos de historia, datando a tumba máis antiga de 1860. É un cemiterio de gran valor artístico debido as tallas e mausoleos de arquitectura sobresaínte, así como a autoría de moitas pezas, realizadas por canteiros de Redondela de gran prestixio.
Na actualidade, segundo denuncian os socialistas, “o cemiterio atópase nun estado de notable deterioro”. Especialmente preocupante é “o estado do muro que linda coa rúa Hospital e o dificio anexo, moi inclinado, tendo ao aire as xuntas e faltando moitas das pedras”. Por este motivo presentarán no próximo pleno unha moción co obxectivo de que o Goberno Municipal do PP se comprometa a conservar e poñer en valor o Cemiterio dos Eidos.
Inclúen entre outras demandas unha actuación inmediata nos muros deteriorados; un maior coidado en materia preventiva por parte do servizo de xardíns e limpeza, un rexistro das medidas das pedras dos muros do cemiterio e que se proceda a tapar as tumbas baleiras cun material respectuoso coa contorna. Reclaman tamén a renovación do firme, mellora da accesibilidade da entrada principal debido a que hai barreiras arquitetonicas que impiden o acceso a persoas de maior idade ou con diversidade funcional e a instalación de elementos que informen da historia do cemiterio.
Por outra banda entenden que sería viable que os alumnos do obradoiro de cantería que se atopa en Pousadouro en colaboración coa escola de canteiros da deputación procedesen a restauran as tallas en mal estado e a repoñer aquelas que falten.
Finalmente, o edil socialista Isaac Araújo declara “hai un claro abandono por parte do Goberno do PP neste eido xa que se deixa ruinoso o cemiterio mediante a falta de mantemento e ademais non toma as medidas necesarias de prevencións cando se limpan tallas de gran valor artístico”.