Entre os infractores identificados pola Concellería de Medio Ambiente atópanse dúas empresas de mobles, un taller mecánico e unha empresa encargada de reformas así como varios particulares que se enfrontan a multas económicas cuxa contía supera os 900 euros. Dende este departamento lembran que Urbaser retira todo tipo de voluminosos chamando previamente ao 986408034 e agradecen tanto a colaboración cidadá como o labor dos axentes da policía local e do persoal municipal na loita para atallar os vertidos ilegais.
Restos de obras, rodas, louza, mobles ou sobrantes de rozas son vertidos reiteradamente en diferentes puntos do concello como os montes, a beira dos ríos, as estradas, camiños ou no exterior dos colectores do lixo. Unha práctica ilegal que tentan atallar dende Medio Ambiente por ser un delito ecolóxico que está ademais sancionado pola lei.
Unha actuacións que en moitos dos casos quedan impunes ao non coñecerse aos autores do delito, motivo polo que dende a Concellería incrementouse a vixilancia nos últimos tempos. Unha vixilancia apoiada tamén na colaboración cidadá e que logrou dar xa con varios dos infractores.
Documentación aparecida entre os restos, fotos do momento no que están a descargar o lixo ou mesmo a matrícula do vehículo no que se transportou o material vertido permitiu identificar a varias empresas e particulares que agora se enfrontan a importantes sancións económicas.
O Concello lembra que existe un servizo que transporta, de balde, calquera tipo de material do que nos queiramos desfacer chamando ao numero de Urbaser, o 986 40 80 34.