O equipo feminino de Honra Prata disputa esta fin de semana o partido ante a SAR Rodavigo. A situación na que chegan os dous equipos ao derbi é ben diferente, coas de “Chini” defendendo o liderado e as de Chapela loitando pola permanencia.
O adestrador do Rodosa Chapela recoñece que siguen arrastrando “a sombra negra” da pasada temporada. Jose Luis Martínez “Lupo” lamenta que, malia ter feito bos encontros, sempre hai uns minutos nos que perden o control “e o partido vaise”. Nas oito xornadas que levan de liga suman unha única vitoria, o que afonda tamén na ferida “a nive anímico” das xogadoras. Por iso para o técnico é importante encadear un par de resultados positivos quelles permitan saíra desa espiral e “recuperar a confianza”. O esixente nivel que se está a vivir na liga non axuda ao equipo do BM Chapela, cun grupo moi complicado e de gran calidade. Para Lupo, agás o Camargo, actual pechacancelas, calquera equipo ten potencial “para gañar a calquera”. O seu próximo rival é a SAR, que chega a Chapela como líder en solitario, polo que o derbi será “máis complicado ca nunca”. As de “Chini” acumulan unha excelente racha positiva, mentres as anfitrioas pelexan por saír dos postos de descenso. Pero Lupo confía en “dar a sorpresa” e facerse cun triunfo “moi necesario para o equipo”. Agarda que sexa un partido “bonito” e con moita afección nas bancadas para apoiar o balonmán feminino. O encontro será o domingo, día 4, ás 12.30 horas no pavillón municipal de Chapela.