O concello de Pazos de Borbén, a través do seu departamento de Servizos sociais, ten en marcha dúas iniciativas solidarias que buscan atender ás familias máis necesitadas do municipio coa doazón de xoguetes e alimentos. Para lograr este obxectivo puxeron en marcha: un banco de xoguetes e unha xornada deportiva que se desenvolverá o vindeiro xoves día 8 coa participación dos clubs de Fútbol sala de Pazos e Redondela.
Dúas iniciativas que chaman a colaboración dos cidadáns e que están a ser xestionadas directamente dende os servizos sociais do concello porque segundo explica o alcalde, Andrés Iglesias “é este departamento o que mellor coñece a realidade social e as necesidades dos veciños”. Así, en colaboración co colexio Curros Enriquez e as doazóns particulares teñen xa un banco de xoguetes que persegue que “ningún neno quede sen agasallos este Nadal”. Pero non é a única iniciativa en marcha xa que o vindeiro día 8 de decembro, coincidindo co xoves festivo, celebran unha xornada deportiva na que participan os clubs de Fútbol Sala de Pazos e Redondela. Os seus equipos enfrontaranse nun partido que se desenvolverá no pavillón municipal e na que se convida aos afeccionados a achegarse pagando como entrada simbólica “un kilo de alimentos”.