O Multiúsos da Xunqueira acolle ás 20:00 horas de hoxe un pleno municipal no que se debaterá a proposta de convenio para a posta en marcha do Centro de Día de Cesantes. Un convenio que xa foi criticado pola oposición ao establecer que o concello deberá pagar 2.500 euros anuais por cada usuario empadroado en Redondela e por contemplar tan só prazas en servizo diurno. Os populares defenden este convenio por ser o máis axeitado para garantir a apertura dun centro que leva catro anos pechado.
O goberno local defende o Convenio entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como o mellor xeito de poñer en marcha este o Centro de Día de Cesantes. A Concelleira de Benestar Social, Carmen Amoedo, confía en que a oposición, “nun acto de responsabilidade”, refrende o convenio coa Xunta e asegura non entender as críticas da oposición “xa que se trata dun Convenio marco aprobado pola Federación galega de Municipios E provincias (FEGAMP) que está presidida por un alcalde do PSOE”. Críticas centradas no custe que lle vai supoñer ao concello a posta en marcha deste centro (2.500 euros anuais por casa usuario de Redondela) pero tamén polo uso ao que vai ser destinado, xa que non terá carácter residencial, tal e como estaba previsto nun inicio, senón que tan só terá servizo diurno. Neste sentido Amoedo asegura que “o prioritario é poñelo en marcha aínda que só sexa con atención diurna para despois xestionar dende o goberno a consecución de prazas residenciais”. Unha cuestión que quedará resolta no pleno de hoxe xa que este é un dos puntos principais da orde do día na que se inclúe tamén a renovación da concesión do Centro de servizos acuáticos de Chapela á empresa Aqualia por un período de tres anos.