Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP atopa no BNG o apoio necesario para aprobar o convenio de xestión do Centro de Día

RR_Noticias

O edil nacionalista, malia manifestar as súas críticas a un convenio que “non é beneficioso para Redondela” deulle o seu apoio “por responsabilidade ante a necesidade de abrir o servizo canto antes”. PSOE e AER votaron en contra por estar en desacordo coa achega de 2.500 euros que o concello deberá facer por cada usuario empadroado en Redondela “cando é a Xunta quen debe sufragar este servizo”. Os socialistas acusan ao PP de mentir “nos prazos, no servizo e na creación de postos de traballo”.

O Centro de Día de Cesantes abrirá as súas portas catro anos despois da súa construción logo de que o pleno aprobase onte o convenio co Consorcio Galego de Benestar para xestionar este servizo asistencial. O voto a favor do edil do BNG permitiu ao PP sacar adiante a proposta malia os votos en contra de PSOE, AER e a edil non adscrita Raquel Quintáns. O nacionalista Xoán Carlos González xustificou o seu voto a favor “porque entendemos prioritario que o Centro de día se poña en funcionamento” malia criticar un convenio que ao seu entender “presenta moitas eivas, tanto polos cartos que terá que achegar o Concello como, sobre todo, porque non dá o servizo que se prevía ao eliminar as prazas residenciais”. O edil acusaba ao alcalde de actitude “sumisa e colaboracionista” coa Xunta por non ter xestionado melloras no convenio. Todo os grupos da oposición criticaron que as arcas municipais teñan que abonar 2.500 euros por usuario empadroado en Redondela, canto o custe dos usuarios procedentes doutros concellos será asumido integramente pola Xunta. O voceiro de AER, Ricardo Figueroa, insistía en que “é a Xunta quen ten que financiar o Centro de día na súa totalidade”. Unha demanda que facían tamén dende a bancada socialista. A edil Digna Rivas insistía en que “o PSOE quere que se abra este servizo, pero non así” e acusaba os populares de “mentir continuamente: nos prazos porque levan anos prometendo que se vai abrir e xa pasaron catro anos, nos postos de traballo que se van cubrir integramente por Cogami sen ningunha contratación en Redondela e no propio servizo, que non vai contar con prazas residenciais limitándose a tan só 20 usuarios en horario diurno”. Ante as críticas a voceira do PP, Carmen Amoedo, reiteraba que o convenio responde a un acordo marco aprobado pola Federación galega de Municipios e provincial (FEGAMP) que foi apoiado por PSOE, BNG e As Mareas.    

Xoán Carlos González BNG
Critica o convenio e salienta a urxencia porque o servizo estea en marcha
Ricardo Figueroa AER
Reclama que a Xunta asuma o custe total do servizo
Digna Rivas PSOE
Acusa aos populares de mentir
Carmen Amoedo PP
Os populares defenden un convenio que conta co apoio da FEGAMP

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará