Reparto de puntos no pavillón de Redondela onde o equipo de Manuel Otero non foi quen de levarse o partido ante a Quinta de Tui nun encontro con moitos goles e que remataba cun 6-6 no marcador. Mesmo resultado para o Campito que xogaba no campo do Cereixa Gondomar e empate tamén para o Arealonga cun 3-3 ante o Abetos Gondomar.
Intenso partido o disputado no pavillón municipal da Marisma con boa entrada de espectadores e cun Redondela que recibía ao terceiro da categoría, o equipo de Tui. Moita igualdade na primeira parte do partido aínda que con mellor sorte para os visitantes, que lograban marcar dous tantos mentres que a portería se lle resistía ao Redondela. Na segunda parte os de Manoliño chegaron a estar cun 5-1 en contra. Malia todo os xogadores reaccionaron e co apoio da bancada lograron a remontada ata o empate final de 6-6. O Redondela sitúase na novena praza e xogan na vindeira semana no campo do Alonso Serodio de Mos.
Un 6-6 foi tamén o resultado que nos deixa o encontro disputado entre o Cereixa Gondomar e o Campito. Un empate que sitúa aos de Chapela na décima praza. Na próxima xornada reciben a un rival directo, o Sporting Manzaneda.
E empate tamén para o Arealonga, neste caso cun 3-3 ante o Abetos Gondomar. A súa próxima cita será contra o penúltimo da categoría, visitan o campo do Ourense Mariñamansa.