Novos destrozos nas pasarelas de Monte Penide. Logos dos actos vandálicos que na pasada fin de semana esnaquizaban a pasarela de acceso aos petróglifos de Chan da Cruz, nas últimas horas os vándalos levantaron as madeiras da Poza da Lagoa. Dende a empresa A Citania apuntan que o autor podería ser o mesmo en ambos os dous casos, xa que malia estar identificado “o modos operandi foi semellante e anda escapado dende que a policía atopou as madeiras no seu galpón”. Dende o concello apelan a prudencia e fan un chamamento á colaboración cidadá para que achegue posibles pistas.
Monte Penide sufría nas últimas horas un novo ataque, nesta ocasión contra a pasarela que dá acceso aos petróglifos de Poza da Lagoa. Unha desfeita que se engade á que tan só uns días antes afectaba a pasarela de Chan da Cruz. Nese caso a Policía logrou identificar ao suposto autor, logo de que se localizaran as madeiras retiradas nun galpón da súa propiedade nas inmediacións do Campo de fútbol de Trasmañó. Dende a empresa A Citania, promotora desta actuación, apuntan a que este segundo acto vandálico podería ser obra da mesma persoa “xa que malia estar identificada non foi localizada”. Mentres dende o departamento de Interior apelan a prudencia e prefiren esperar a que conclúan as investigacións policiais para apuntar a un posible responsable.
Estes ataques non impedirán que hoxe se celebre a VI andaina Monte Penide prehistórico con saída ás 21:00 horas dende o merendeiro de Poza da Lagoa. Un percorrido nocturno de 2,5 kilómetros, de dificultade baixa e que permitirá aos asistentes observar os novos gravados que foron descubertos durante a realización das obras, un total de sete novos gravados que se engaden aos petróglifos xa existentes e que deixan constancia da importancia deste xacementos arqueolóxico. Unha actividade organizada polo Centro Cultural de Trasmañó, a asociación Alén Nós, a asociación Cultural de Rande e a empresa A Citania.