O mercado de Nadal chega con novidades para o C.D. Choco, que perde para o resto de temporada ao atacante Ricardo Calviño “Richi”, que sae do equipo, e a Xesús Carballido “Suso”, que foi intervido dunha lesión de xeonllo e será baixa durante varios meses.
Richi chegou este verán ao Choco procedente da canteira do Celta. Contou con poucos minutos na primeira metade da campaña, e o club decidiu facilitar a súa saída “para que poida ter minutos noutro club”. O xogador está no seu primeiro ano como sénior “e precisa continuar a súa evolución como futbolista” segundo o club redondelán, que agradece “o seu traballo e o esforzo” nos adestramentos. Por outra banda, o defensa Xesús Carballido “Suso” está a vivir unha tempada moi complicada. No primeiro partido de liga ante o Arousa lesionouse no choque cun rival,. Tras varios intentos con tratamentos no seu xeonllo, finalmente tivo que pasar polo quirófano para ser intervido no menisco. O prazo de recuperación é difícil de calcular, pero no club temen que será baixa no que queda de tempada. Debido ás baixas, o Choco traballa durante estas semanas para reforzar o equipo. Mantén conversas, pero ata o momento, non existe ningunha incorporación pechada. A intención é reforzar o equipo para evitar problemas na segunda volta de cara ao obxectivo da permanencia en Terceira División. Na actualidade, o equipo redondelán está na décimo sexta posición cunha marxe de dous puntos. Este domingo regresan á competición oficial. Será no campo da Lomba ante o Arousa, un dos equipos fortes da liga, quinto clasificado.