As previsións eran máis optimistas pero “un verán en pleno Nadal” fixo que moitos usuarios potenciais da pista instalada na Alameda se decantaran por actividades ao aire libre. Malia todo a pista seguirá funcionando ata o domingo 22. Unhas instalacións que por vez primeira funcionaron en Redondela e que foron un punto de atracción para moitos visitantes “sobre todo polos económicos prezos e a competitividade da pista”. O 70% das entradas vendéronse no comercio local onde aínda se poden adquirir a un prezo de 3,5 euros, dous euros máis baratas que na propia instalación.
A pista de xeo instalada na Alameda abría as súas portas ao público no inicio das vacacións de Nadal e converteuse nun punto de encontro para eses máis de 3000 usuarios que durante as últimas tres semanas pasaron polas instalacións. O responsable da pista, Bernardo Acevedo, amósase satisfeito polo resultado aínda que confiaban en que a afluencia fora maior “a situación meteorolóxica xogou na nosa contra, xa que ao contar con tan bo tempo a xente optaba por actividades ao aire libre”. Confían en que Concello e Asociación de empresarios volvan contratar este servizo o vindeiro ano e apunta que habería que estudar un novo espazo no que ubicar a pista xa que o firme de terra non é o máis axeitado para garantir o perfecto estado do xeo. Salienta o dobre benéfico que a pista supuxo para o comercio e a hostalaría. Por unha banda ao tratarse da pista máis económica de toda Galicia foi un atractivo para moitos visitantes. E o sistema de bonificar aos que retiraban as súas entradas nos establecementos da Asociación de Empresarios fixo que moitos se achegaran a eses locais “o 70% das entradas foron retiradas no comercio fronte ao 30% que se mercou directamente na billeteira”. A pista permanecerá aberta pola semana en horario de tarde de 16:30 a 10:30 e na fin de semana, antes de pechar definitivamente o domingo, aínda poderá visitarse en horario máis amplo ata a medianoite. Polas mañás está a disposición de grupos e excursións de colexios, colectivos ou asociacións. Para reservar pista para grupos hai que dirixirse a info@pontegest.es ou chamar ao teléfono 607 155 726.