O Futbol sala retomaba a súa competición logo da xornada de descanso e facíao cun Redondela que viaxaba a Ourense, facéndose cos tres puntos en xogo logo de vencer por 5-6. Empate para o Arealonga ante o Verín por 2-2 e derrota para o Campito que caía ante o Tui Futsal por 7-4.
O Redondela buscaba facerse cos tres puntos en xogo ante un rival a priori asequible, o Ourense Mariñamansa. Partido que compezou de cara para os redondeláns que se puxeron por diante no marcador. Con todo, os locais lograron o empate e aumentou a presión ante un Redondela que pouco a pouco foi atopando o seu xogo. A primeira parte acabaría en igualdade, arrancando a segunda metade con máis dinamismo ata o final do encontro co definitivo 5-6. O Redondela sitúase na oitava praza do grupo e recibe o vindeiro sábado no pavillón da Marisma ao Beade.
Tamén fóra da casa xogaba o Campito, equipo que visitaba o campo da Quinta de Tui. Os de Chapela non foron quen de arrebatarlle o encontro a un dos equipos máis fortes do grupo e caía por 7-4. Na vindeira semana xogan na casa onde reciben ao Mos.
O Arealonga lograba un empate ante o Verín. 2-2 foi o resultado do partido que non lle serve aos de Chapela para ascender na categoría. Seguen nos postos baixos da táboa, son decimo cuartos e na próxima fin de semana desprázanse ao campo do Tui Futsal, outro equipo necesitado de puntos, actualmente só un posto por riba dos de Chapela.