Unha autorización da Consellería de Educación é a día de hoxe o único atranco na construción do novo centro educativo de Chapela que debería acoller o alumnado do colexio Igrexa, afectado pola ampliación da Ap-9. “Os terreos xa foron recalificados, hai comprometido o investimento económico, dende o goberno local asegúrannos que só faltaría un trámite burocrático que non da chegado” explica o presidente da Asociación de veciños de Chapela, Marcial Pérez. Fartos da espera o colectivo esixe prazos e un compromiso público tanto do concello como da consellería “de que a obra se vai facer”.
A falta de avances na construción do novo colexio Igrexa provoca malestar directo entre os pais e nais do alumnado pero tamén no resto da parroquia, cuxa asociación de veciños demanda do alcalde, Javier Bas e da propia Consellería de Educación “un compromiso público onte se acheguen datas de inicio da obra”. Unha obra que “conta cos cartos para a súa realización, ten o proxecto feito, os terreos da finca da Ginaria recalificados e cuxa demora débese a un trámite de Educación” explica Marcial Pérez logo de reunirse cos responsables do goberno. Entende que chegado a este punto e logo de atrasos continuados cómpre unha declaración pública do alcalde e o Conselleiro “para tranquilizar aos pais, fartos de tanta espera sen ver ningún tipo de avance”. O goberno xustificara o atraso no trámite administrativo de Educación pola campaña electoral pero meses despois de que se confirmara a continuidade de Román Rodríguez ao fronte da Consellería, os afectados non comprenden os novos atrasos. O malestar entre os pais é tamén patente, motivo polo que a Anpa iniciou xa unha recollida de sinaturas para esixir das administracións que axilicen os trámites.