Os nacionalistas presentan esta moción ante o risco de que a parroquia quede sen este servizo pola negativa de Correos a trasladarse de edificio, unha vez que está previsto derrubar o inmoble que actualmente ocupan co obxectivo de ampliar a estrada do Torreiro. Por este motivo, o BNG solicita “que non se proceda a derrubar o edifico no que actualmente se ubica a oficina da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos na parroquia ata que non se presente unha alternativa que asegure o futuro do servizo.
Explican os nacionalistas que o motivo de levar esta moción ao pleno de hoxe débese “a preocupación veciñal ante a posíbel perda deste servizo de carácter público”. Considera que se deben poñer todos os recursos necesarios para que a oficina de Chapela manteña a súa operatividade tendo en conta ademais que presta servizo a arredor de 10.000 perosas, veciños de Chapela e Trasmañó.
Para o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, a Sociedade Pública Estatal, pretende aproveitar a escusa da ampliación para eliminar este servizo. “Para nós, sería un dobre agravio que Chapela padecera a ampliación e que quedara sen oficina de Correos”, afirma. Por iso propoñen o mantemento do actual edificio, ante a posibilidade de que o servizo peche e lembran tamén que diferentes entidades veciñais poden verse afectadas co derrubamento do edificio, ao ter alí a súa sede tanto a Asociación de Veciños, a Comunidade de Montes como a Asociación de Afectados pola Ampliación da AP9.