A corporación municipal de Redondela reprobou ao alcalde a petición do BNG por “abandonar a Asemblea Constituínte da área Metropolitana, en contra dos intereses dos e das redondelás”. Os socialistas cualificaron o feito como “lamentable” e os membros de AER puxeron o acento no feito de que o rexedor non asista tampouco ás xuntas de goberno do ente “nas que debería estar defendendo os intereses dos redondeláns”. Os populares deféndense asegurando que precisamente “por defender os intereses dos veciños a oposición en bloque únese para reprobar ao alcalde”.
O edil nacionalista Xoán Carlos González sinala que Javier Bas na vez de defender os intereses dos redondeláns “o único que fai é acatar o mandato do seu partido” en referencia ao acontecido na asemblea constituínte da Área Metropolitana á que asistiron 14 rexedores e un total de 53 edís de oito forzas políticas e na que “o total de representantes do PP, co alcalde de Redondela, Javier Bas, á fronte, decidiron abandonar o plenario”, argumentando que Vigo debería entrar “de inmediato” no transporte metropolitano. Todos os grupos da oposición sumáronse a esta reprobación engadindo AER que é unha irresponsabilidade do PP de Redondela non só abandonar ese pleno senón tamén non asistir ás xuntas de goberno posteriores “nas que debería estar presente para defender os intereses dos veciños de Redondela e as encomendas do pleno”. Dende o PSOE acusan aos populares de “dinamitar a asemblea”. Aseguraba Eduardo Reguera que “debe ser a primeira vez na que se produce algo semellante, que na creación dunha institución parte dos seus representantes a abandonen”, un feito que cualificou de “antidemocrático” Dende o PP insisten en que “a oposición reproba ao alcalde por defender os intereses de Redondela”.