A solicitude presentada pola Agrupación de electores Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén para que os 300.000 euros que a Deputación concedeu a este concello para dotar de herba artificial o campo de fútbol de Nespereira se destinaran a outros fins, foi rexeitada polo grupo de goberno que preside o popular Andrés Iglesias. A proposta da oposición suxería que eses cartos se investisen na mellora do centro de saúde ou na ampliación da rede de saneamento.
A Deputación de Pontevedra concedeulle no ano 2015 unha subvención de case 300.000 € ao concello de Pazos de Borbén, para dotar de herba artificial o campo de fútbol de Nespereira. A Deputación Provincial sacou unha orde onde lle concedía a tódolos concellos un ano máis de prazo para executar as obras, ou cambiar os destinos, das subvencións concedidas durante o 2015 ao abeiro do Plan de Obras e Servizos.
No seu momento Alternativa Veciñal xa manifestara que entendía que a herba artificial suporía unha mellora para as condicións do campo de fútbol, que sería agradecida por xogadores e seareiros da UD Nespereira. Mais tamén, que hai no concello necesidades perentorias sen cubrir.
Aproveitando a posibilidade de destinar a outros fins a mencionada subvención, Alternativa Veciñal presentou unha moción solicitando que se lle dea outro uso a eses 300.000 €. Apuntaban como posibilidades, a mellora do centro de saúde “un centro vello e minúsculo, no que se amorean os pacientes nunha claustrofóbica sala de espera” ou a ampliación da rede de saneamento “xa que hai parroquias que non teñen nin un só metro instalado”.
No pleno celebrado onte 30 de xaneiro o PP negouse a cambiar o destino deste diñeiro mantendo o investimento no campo de Nespereira.