O PSdeG de Redondela levará ao próximo pleno a creación dunha ordenanza que cobre mediante taxas ás empresas eléctricas, de gas, auga, hidrocarburos e similares polo uso do dominio público municipal para as súas instalacións e canalizacións. Os socialistas consideran xusto que se taxe pola utilización do espazo público xa que estas empresas privadas obteñen beneficio mediante a ocupación do dominio público, crean limitacións operativas e provocan impacto visual mediante as infraestruturas de transporte de enerxía ou similares.
Así, as empresas afectadas por esta taxa deberían pagar pola colocación de caixas de amarre, torres metálicas, transformadores, instalacións ou liñas propias de transporte ou distribución de enerxía eléctrica, gas, auga ou outras subministracións enerxéticas. Lembrna que esta iniciativa vén avalada pola sentenza do Tribunal Supremo do 21 de decembro de 2016, na que se recoñece o dereito da administración local a establecer unha taxa ás empresas de electricidade ou outros pola ocupación de espazo público municipal, dereitos de paso ou outros conceptos.
A maiores os socialistas inclúen unha taxa ás empresas explotadoras de servizos de subministros que resulten de interese e afecten a unha importante parte da veciñanza. Isto último faría que as empresas privadas de telefonía móbil tamén pagaran taxas ao Concello de Redondela polos beneficios que obteñen a través da subministración que dan mediante instalacións no espazo público municipal.