O certame de curtametraxes chega a súa décimo terceira edición logo de semanas de negociacións entre concello e organizadores, unhas negociacións que serviron para confirmar un incremento no orzamento do festival, que este ano roldará os 24.000 euros. O festival desenvolverase entre o 27 e o 30 de abril para o público en xeral e inclúe como novidade a programación escolar con pases en centros educativos de Redondela, Chapela e Arcade xa a partir do 24.
Con meses de atraso respecto de edicións anteriores veñen de abrir o prazo de presentación de traballos, pero confían en que esta demora non conleve unha diminución nin no número de participantes nin na calidade dos traballos presentados. Como novidade principal desta edición os organizadores salientan o esforzo por levar o cine en pequeno formato aos centros escolares, motivo polo que dende o 24 de abril haberá pases nos centros educativos de Redondela, Chapela e Arcade. Intensifícase tamén a colaboración coa Asociación Andaina, que pasa de ser colaboradora a practicamente “co-organizadora”. Outras novidade desta edición é que se suprimen as proxeccións nos bares anulando tamén a que se adoitaba facer na Discotasca e está en fase de estudo a posibilidade de organizar actividades complementarias no Auditorio Jose´Figueroa. En todo caso, o groso do programa desenvolverase entre o 27 e o 30 no Multiúsos da Xunqueira, onde se celebrarán os pases das películas a concurso. Ao igual que en anteriores edicións, no certame tan só serán aceptados os xéneros de ficción, de forma que todas aquelas obras de carácter institucional, turístico, documental ou publicitario quedarán excluídas. As curtametraxes terán que ser entregadas en versión orixinal e as que non foran rodadas en galego ou castelán deberán levar subtítulos nun destes idiomas. Os interesados en participar dispoñen de prazo até o vindeiro 5 de marzo para enviar as súas películas, que deberán ser remitidas exclusivamente a través das plataformas dixitais movibeta.com, festhome.com, uptofest.com e clickforfestivals.com.