A concellería de consumo, a través da Oficina Municipal do Consumidor (OMIC) asesora aos veciños afectados polas cláusulas solo facilitándolles información, asesoramento e un borrador para iniciar a reclamación ante a súa entidade bancaria. Ante o aluvión de consultas dende a OMIC recomendan solicitar cita previa no teléfono da oficina 986400798 e insisten en que iniciar o procedemento extraxudicial non significa renunciar aos xulgados no caso de non estaren de acordo coa oferta do banco.
Un mes despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea ditaminara a nulidade das coñecidas como cláusulas solo, son moitos os veciños de Redondela que se preguntan se as súas hipotecas contan con este tipo de cláusula abusiva que lles levou a pagar pola súa hipoteca cantidades que non lles correspondían. Dende a OMIC facilítaselles a todos os posibles afectados información, asesoramento e modelos de reclamación para poder iniciar o proceso ante a entidade bancaria, un servizo que moitos veciños están xa a aproveitar achegándose a Oficina da OMIC que se atopa no Multiúsos da Xunqueira. Explican dende o servizo que “calquera persoa que teña ou tivera unha hipoteca pode vir a informarse para coñecer se a escritura do seu contrato contén cláusulas abusivas que puideran dar lugar a reclamar a devolución de parte do cobrado”. As persoas máis afectadas adoitan ser veciños que formalizaron a súa hipoteca despois do ano 2000, pero o mellor é analizar caso por caso. O servizo concreto que a OMIC lle presta ao usuario é asesóralo e axudalo a elaborar unha reclamación para poder así beneficiarse do sistema extraxudicial ao que está obrigado o banco “intentamos facilitar ao cliente os argumentos que debe presentar nesa folla de reclamación para poder recuperar os cartos que lle foran cobrados indebidamente no caso de que teña dereito” explica a técnica do servizo, Sonsoles Lores. Engade que os afectados non sairán desa oficina cun cálculo exacto da cantidade económica a recuperar “porque se trata dun cálculo matemático moi complexo que vai depender de múltiples variantes- ano no que se formalizou a hipoteca, mensualidades xa pagadas, duración do préstamo, cantidade solicitada ao banco…- e que será un especialista quen determine a cantidade concreta a reclamar. Os interesados en achegarse a este servizo personalizado poden acudir a OMIC solicitado cita previa no teléfono 986 400798. Dende consumo recomendan levar o contrato hipotecario e a poder ser un recibo da cota que pagan na actualidade xunto con outros anterior ao 2013.