A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez xunto cos responsables municipais presentaron onte, nunha tensa xuntanza ante os membros da comunidade educativa e do tecido asociativo de Chapela, os novos prazos de execución para o novo colexio,que non será unha realidade ata o curso 2019-2020.
Os prazos foron achegados onte nun acto no que se lles presentou aos afectados tanto a solución para a tramitación urbanística da obra como o proxecto de execución do edificio do colexio nunha reunión na que participou tamén o arquitecto do centro, Alfredo Díaz Grande.
No referido a este último punto, informouse ao Concello de que a viabilidade do proxecto esixe a elaboración dun Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) xa que, segundo valorou Medio Ambiente, é a fórmula urbanística de maior seguridade xurídica ao descartarse a vía da lei exprés aprobada pola Xunta para desatascar proxectos públicos urxentes ou de especial interese (a coñecida ocmo lei Citroen).
O conselleiro Román Rodríguez explicou que, tendo en conta que a construción do centro tería un prazo estimado duns 12 meses tal e como avanzou o arquitecto, Educación e Concello están a traballar para adiantar a apertura do novo colexio ao curso 2019/20, un ano antes do establecido no convenio entre o Concello de Redondela e Audasa pero tamén un anos despois do que se lles tiña anunciado ás asociación de afectados e aos país e nais do Colexio Igrexa.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, manifestou o compromiso do seu departamento a axilizar o máximo posible os trámites ambientais do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID), necesario para garantir a viabilidade do novo colexio. Neste sentido, a conselleira explicou que o procedemento ambiental podería prolongarse uns oito meses a partir do momento no que o Concello “remita o documento completo á Xunta”.
No marco da reunión de hoxe presentouse tamén o proxecto de execución da construción do CEIP, unha obra que asumirá na súa integridade Audasa. O centro contará con 9 unidades, unha por cada curso de educación infantil e primaria, e polo tanto unha capacidade de 225 alumnos.
A superficie total construída ascenderá a 2.460 metros cadrados, distribuídos en dous andares. Ademais, o centro contará con zona de aparcamento e pista deportiva descuberta. No interior, ademais das devanditas aulas, o novo colexio contará cos espazos e aulas habituais -usos múltiples, informática…- e mais con comedor e ximnasio.