O catedrático do conservatorio de Bruxelas e Luxemburgo será o encargado de impartir este curso no Conservatorio de Redondela que terá como colofón un concerto da orquestra de Saxos, dirixida polo propio Crépin, no que se poderán escoitar por primeira vez as súas composicións en Galicia.
O saxofonista, director e compositor, Alain Crépin, unha das figuras máis salientables do ámbito musical, visita esta semana Redondela para impartir o I Curso de Saxo no Conservatorio de Música Víctor Ureña. Unha oportunidade única para os membros da orquestra de Saxos, como destacaba a directora, Elisa Arias, pero tamén para Redondela xa que será a primeira vez que se interpreten as súas composicións en Galicia. O primeiro dos concertos será este martes coa actuación da banda do conservatorio baixo a batuta de Crépin, no que farán un monográfico de temas do músico belga. A segunda oportunidade será o venres coa actuación da Orquestra de Saxos baixo a dirección de Elisa Arias e o propio Crépin, concerto no que contarán coa participación de instrumentistas convidados. As dúas actuacións serán no auditorio do Multiusos da Xunqueira, con entrada libre e de balde até completar o aforamento. Crépin era recibido este luns polo alcalde de Redondela que destacaba a importancia do músico e o prestixio que supón para o concello a súa presenza. Javier Bas subliñaba o labor que esta a realizar o Conservatorio na formación de músicos. O saxofonista amosaba a súa sorpresa polo nivel da orquestra e pola cantidade de xente nova que forma parte dela nun concello das dimensións de Redondela. Na actualidade Alain Crépin é profesor de saxofón no Conservatorio de Bruxelas e profesor de orquestración e dirección de orquestra no Conservatorio de Música de Esch-sur-Alzette (Luxemburgo). Como solista ou director de orquestra gravou 60 discos e actuou por todo o mundo.