Á espera de que a subdelegación do Goberno en Pontevedra confirme que a explosión de onte en Chapela que deixou dúas persoas falecidas é un novo caso de violencia de xénero, o Concello celebraba hoxe ao mediodía unha concentración ante a casa consistorial en repulsa pola violencia contra as mulleres. Dende Sevizos Sociais, onde non hai constancia de ningunha denuncia por parte da muller, están en contacto coa familia “tanto para prestar apoio psicolóxico no caso de que o necesiten así como para preocuparnos pola situación do menor”. Un neno de 8 anos de idade fillo dos falecidos que no momento da explosión se atopaba na casa dos avós.
A concelleira Teresa París confirma que non existe no Departamento de Servizos Sociais ningunha denuncia previa e fai un chamamento a todas as persoas que coñezan algún caso que poida derivar en violencia de xénero a que denuncien “porque un pequeño xesto ou chamada de atención pode salvar vidas”. De feito, diferentes testemuñas apuntan a que os falecidos na explosión, María José Mateo e a súa exparella Emilio Fernández Castro, estaban inmersos nun proceso de separación e que se tiñan producido ameazas con anterioridade. Ameazas que toman cada vez máis peso unha vez que tamén se confirma que o home comprara un bidón de gasolina e bombonas de butano, material que sería empregado para provocar a explosión e posterior incendio na vivenda. O goberno local, segundo explicaba a tenente de alcalde, Carmen Amoedo, está á espera de que se confirme que se trata dun caso de violencia de xénero, para convocar un pleno extraordinario e unha manifestación que se celebraría o vindeiro venres na parroquia de Chapela, lugar no que tivo lugar o terrible suceso na noite de onte.