O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, comprometeuse nunha reunión celebrada coa xunta directiva da Asociación de Empresarios de Redondela e na que tamén estivo presente a tenente de alcalde do concello, María del Carmen Amoedo, a adoptar medidas de promoción e divulgación da Ruta Xacobea ao seu paso polo noso concello coa sinalizacións, nas vindeiras semanas, das placas e marcos que identifiquen este tramo do camiño portugúes.
O presidente e vicepresidente do colectivo, Enrique Lago e José Manuel Barbosa, trasladáronlle ao delegado diferentes asuntos de relevancia para o municipio en ámbitos tan diversos coma as infraestruturas, medio ambiente, emprego, comercio e turismo. No que respecta a estes últimos dous puntos, fíxose fincapé na sinalización e promoción do Camiño Portugués pola Costa e do comercio local coa potenciación e fomento do Centro Comercial Aberto de Redondela e doutros eixes comercias do municipio.
López-Chaves escoitou todas as súas consideracións e comunicoulles que a Xunta de Galicia comezará a instalar nas vindeiras semanas as placas e marcos que sinalizarán a Ruta Xacobea do Camiño Portugués pola Costa. Mentres, no que respecta aos temas comerciais, o delegado lembrou a existencia de diversas ordes de axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria que, tanto concellos coma centros comerciais abertos, poden solicitar para promoción e dinamización das zonas comerciais locais así coma para mercados ou prazas de abastos.