Axentes da Policía Nacional detiveron a pasada madrugada a un home cando tentaba fuxir dun establecemento comercial da Avenida de Vigo descolgándose a través dunha fiestra. Un aviso da Central de Alarmas alertou ao 091 e unha dotación policial acudiu ao lugar para comprobar os feitos. Ao non ver nada estraño no acceso principal do establecemento os axentes dirixíronse á parte de atrás e descubriron a un home que saía por unha xanela. O detido tiña tres antecedentes policiais anteriores por este mesmo tipo de feitos.
Logo do aviso do 091, unha patrulla que se atopaba realizando labores de prevención pola zona achegáronse ao local e ao dirixirse á parte traseira do inmoble descubriron a unha persoa que comezaba a descolgarse por unha xanela de ventilación situada a máis de catro metros do chan. Os dos policías inmobilizárono e realizáronlle un cacheo de seguridade, no cal localizaron escondido entre as súas roupas un desaparafusador de grandes dimensións.
Ao chegar o propietario do mesón abriu a porta principal e os axentes accederon ao interior, descubrindo que o sistema de alarma está desmontado, a caixa rexistradora e a máquina comecartos abertas e que esparexidos polo chan había varios útiles usados para forzar peches.
Antes de ingresar ao detido en calabozos e cando comprobaban os seus antecedentes policiais o home tivo que ser trasladado ao servizo de urxencias por presentar problemas ao respirar a consecuencia dunha lesión que se tería producido cando accedía ao interior do local.