Ante o tráxico suceso do pasado luns en Chapela, a xunta de protavoces acordou desconvocar o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro que estaba previsto se celebrase hoxe no Multiúsos da Xunqueira. Logo das concentracións celebradas en Redondela e Chapela onte ás 20:00 horas tivo lugar un novo acto de repulsa contra a violencia machista, neste caso ás portas do museo Marco na rúa príncipe en Vigo convocada pola Marcha Mundial das Mulleres.
En canto aos datos achegados pola autopsia, confírmase que a Maria José Mateo “Sesé” e a súa ex parella, Emilio Fernández Castro, quen presuntamente tería provocado a explosión que acabou coas súas vidas, faleceron como consecuencia das altas temperaturas e por intoxicación por monóxido de carbono e non pola explosión da vivenda.
No Concello, malia suspender o pleno previsto para hoxe, aínda non recibiron a constatación oficial de que se trata dun caso de violencia de xénero, polo que aínda non se decretaron os dous días de loito oficial aprobados por todos os grupos políticos. Dependendo de cando se reciba esa confirmación, suspenderíanse todas as actividades organizadas polo concello, o que podería supoñer cambios importantes na programación cultural e festiva dos vindeiros días.