A Policía Nacional investiga dous roubos que se cometeron na mañá de onte no supermercado Mercadona en Cedeira e nas inmediacións dunha entidade bancaria en Chapela. Roubos que se producían en cuestión de horas e que se engaden á vaga de roubos que nas últimas semana se detectara nas inmediacións da Piscina Municipal.
Unha muller que saía dunha entidade bancaria en Chapela sufría un atraco na mañá de onte. Segundo transcendeu esta veciña da parroquia saía da sucursal logo de retirar cartos da súa conta, cando foi atracada por unha muller de etnia xitana que se levou o seu bolso en cuxo interior se atopaba a carteira cun total de 600 euros.
Tamén onte mércores, unha clienta do supermercado Mercadona en Cedeira decatouse de que lle faltaba a carteira do interior do seu bolso, carteira que apareceu pouco despois tirada na estrada xa sen cartos no seu interior. Neste caso a vítima non puido facilitar datos sobre o suposto autor dos feitos.
Dous roubos que se engaden a vaga de sucesos que hai menos de quince días se producían nas inmediacións da piscina municipal, lugar no que aló menos se produciron cinco roubos en vehículos estacionados nas proximidades deste centro deportivo na zona da Marisma en Redondela. En todos os casos o proceder foi o mesmo. Rompen o cristal e levan todos os obxectos de valor que se atopan no interior do vehículo: bolsos, móbiles, cartos…