Arrestado e apartado do exército, o que fora tenente do exército de terra Luis Gonzalo Segura non está disposto a calar e segue denunciando a existencia de prácticas corruptas na cúpula das Forzas Armadas. “Fraudes, acoso, contratos irregulares, contratacións que se fraccionan para adxudicalas a empresas concretas a cambio de contraprestaccións…” situacións todas elas que se producen “pola total ausencia de órganos de control e a inoperancia da xustiza militar”. De todo isto fala no seu último libro “Código rojo” que presenta este venres no Multiúsos da Xunqueira, nun acto aberto que arrancará ás 19:30 horas organizado polo Colectivo republicano.
As súas declaracións públicas en torno á corrupción existente no exército provocaron o seu arresto primeiro e a súa expulsión do exército despois. Unhas consecuencias que lonxe de amedrentalo fan que se reafirme nas súas denuncias que recolle no libro “Código rojo” que este venres presenta en Redondela. E como exemplo de todo o que se fai mal fai referencia ao caso do Yak “que segue sen ningún condenado polas contratacións duns avións que non garantían a seguridade da tropa”. Denuncia tamén que dende que presentara as primeiras denuncias, hai cinco anos, non se teña adoptado ningunha medida para limpar o exército e pola contra se teñan adoptado medidas que só buscan reducir a liberdade de expresión e acalar as súas críticas.