A aprobación do PXOM supón un avance para un concello que dende hai tres décadas rexíase polas normas subsidiarias de planeamento municipal. O documento cualifica como solo rústico máis do 80 por cento do termo municipal apostando así pola preservación dos espazos naturais e paisaxísticos do concello. No caso concreto da vila de Arcade, o solo industrial eliminarase por completo por contar con escasas opcións de crecemento e atoparse nunha situación de abandono.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Soutomaior. Trátase dun importante avance para o concello, que ata o momento carecía de planeamento propio e rexíase polas Normas subsidiarias de planeamento municipal do ano 1989.
A conselleira destacou, entre outros avances, que o planeamento pon en valor o patrimonio natural e paisaxístico do concello, pois máis do 80 por cento do termo municipal cualifícase como solo rústico maioritariamente de especial protección; e contrarresta o déficit de espazos públicos e zonas verdes de dominio e uso público. Ademais, estrutura os 29 núcleos rurais delimitados en base á parroquia como institución básica de ordenación completada pola figura dos barrios, que agrupan diversos asentamentos próximos entre si.
Por outra banda, o novo PXOM -no que a Xunta colaborou con máis 87.000 euros- elimina os usos inadecuados nas distintas clases de solo, así, se incorporarán novos usos potenciando a oferta hoteleira e reducirase o solo industrial co obxectivo de “adaptalo á demanda real e ás posibilidades de xestión municipal”, explicou Beatriz Mato. No caso concreto da vila de Arcade, o solo industrial eliminarase por completo por contar con escasas opcións de crecemento e atoparse nunha situación de abandono.
Outro dos puntos relevantes do novo planeamento é que serán aprobados 6 ámbitos de solo urbanizable delimitado. Tamén quedarán perfectamente identificados e delimitados os dous núcleos urbanos que son Soutomaior e Arcade.