Logo de impoñerse no derbi local ante a SAR, o Balonmán Chapela buscará o domingo unha vitoria ante o Luceros no Gatañal. Os de Fran Teixeira son conscientes da dificultade do partido, no que os do Morrazo poden aliñar a xogadores de Liga Asobal, pero confían na súa calidade.
Primeira Nacional Luceros-Rodosa Chapela Os redondeláns seguen na loita polo seu obxectivo, facerse cunha das prazas que permiten xogar a fase de ascenso a División de Honra Prata. Esa gloria está reservada para os dous mellores da liga, e o Balonmán Chapela ocupa actualmente a cuarta praza do grupo. Pero quedan aínda seis xornadas en xogo e aínda hai opcións, xa que a cabeza da táboa está “moi apertada”. Están empatados a puntos co terceiro clasificado, o Lalín, e a un punto de distancia do Porriño, que é o segundo na táboa, tres puntos por baixo do Calvo Xiria, que lidera a clasificación. Ademais nesta recta final da liga haberá enfrontamentos directos, xa que os de Teixera teñen que medirse aínda ao Porriño e ao Lalín, partidos nos que estará en xogo o pase á fase de ascenso. O próximo reto é o partido do Gatañal, o domingo ás 12.30 horas.