Na Primeira Nacional Masculina os de Fran Teixiera impuxéronse ao Luceros, e achéganse aos postos de ascenso. Tamén gañou o seu encontro a SAR Plastic Omnium ante o Bueu. Na División de Honra Prata Feminina o Cíes Chapela impúxose ao Cistérniga, mentres que a SAR Rodavigo perdía en Tenerife co Tejina.
Primeira Nacional
Luceros 27-34 Chapela
O Rodosa Chapela achégase aos postos de ascenso despois de gañar na pista do Gatañal ao Luceros. O encontro tivo un inicio igualado, pero en canto os chapeleiros lograron facerse cunha lixeira vantaxe souberon manexar mellor o encontro e levaron o triunfo con solvencia. O Luceros chegaba a este encontro sen Pablo Castro, que xogou o sábado en Barcelona co primeiro equipo, e con David Iglesias e Anxo Rodríguez con certo cansazo porque tamén xogaron ese partido. Os de Teixeira son cuartos con 40 puntos. Están agora a tan só un punto do segundo, O Porriño, e a dous do líder, o Xiria, que vén de perder no pavillón porriñés. Na próxima xornada mediranse a outro dos rivais directos polo ascenso, reciben en Chapela ao Lalín, co que están empatados a puntos.
SAR Plastic Omnium 30-27 Bueu
Por fin o Sar Plastic Omnium atópase coa vitoria tras moitas xornadas tentándoo. Estes dous puntos sérvenlle para afastarse dos postos de descenso. Custoulle aos redondeláns esta vitoria xa que non conseguían manter a vantaxe de goles por moito tempo. O triunfo dos de Carlos Rey permítelles dispor dun colchón de seis puntos sobre o descenso que parece definitivo ao quedar só dez puntos en xogo. Na próxima xornada repiten como locais. Reciben ao Seis do Nadal, cos vigueses situados un posto por riba dos redondeláns.
Honra Prata Feminina
Tejina 28-24 SAR Rodavigo
A SAR Rodavigo dixo practicamente adeus ás súas opcións de alcanzar a segunda praza ao caer na pista do Tejina Tenerife. As de “Chini” seguen cuartas a cinco puntos do segundo, o Xixón, con só seis puntos por xogarse.
Cíes Chapela 29-19 Valladolid
As mozas do Cíes Chapela colleitaron por fin un triunfo. O conxunto pechacancelas do grupo A conseguiu a segunda vitoria da tempada, aínda que a outra non conta tras a retirada a metade de competición do Camargo. Este segundo triunfo foi contundente, coas de Lupo cunha marxe de dez goles. Na próxima xornada disputarán o derbi en Redondela ante a SAR Rodavigo.