A biblioteca de Redondela acolle este venres unha actividade homenaxe a Gloria Fuertes no centenario do seu nacemento cun contacontos a cargo de Olga Cuervo orientado a rapaces a partir de 4 anos. Tamén o venres pero en Chapela a biblioteca organiza en colaboración coa asociación Amigos das Bibliotecas unha charla a cargo de Carlos Fernández quen falará da “A vida dos outros: a ciencia, a bioloxía e a vida fóra da Terra”. Será ás 20:30 horas.
Dentro das actividades que as bibliotecas organizan co gallo da celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil e coincidindo coa conmemoración do centenario do nacemento de Gloria Fuertes, este venres a sala infantil do Multiúsos acolle o contacontos “Contos que saben a Gloria”, con Olga Cuervo. Orientado a enos e nenas a partir dos 4 anos celebrarase ás 18:30 h. con entrada libre e de balde.
Por outra banda, a asociación Amigos das Bibliotecas organiza unha charla-coloquio baixo o título “A vida dos outros: a ciencia, a bioloxía e a vida fóra da Terra”, con Carlos Fernández.
Unha actividade o venres 7 ás 20:30 horas no Multiúsos da Chapela na que se falará das indagacións que se teñen feito para atopar vida no Sistema Solar, que supón o descubrimento de novos planetas e que coñecemento científico hai (no campo da bioloxía, da física ou da astronomía) que nos permita facer conxeturas sobre a vida extraterrestre.
Para abordar todas estas cuestións contarase con Carlos Fernández, licenciado en bioloxía e profesor do redondelán IES Mendiño, e grande afeccionado á ciencia ficción e aos temas de divulgación científica.